22/04/2026
Hai unhas semanas tiña una sesión cunha parella de Santiago que decidiran vir ao psicólogo. Falaban, entre outras cousas, de que cando algo saía mal e os afectaba aos dous, estaban tan mal polo suceso que entre eles cambiaba a interacción. Como cada un estaba mal polo que non saíra ben (que podían ser moitas cousas e variadas: un mal comportamento dos fillos, co seu cristo correspondente; unha mala noticia económica; outro malentendido cos pais de un deles dous...), entón, ao estar mal, non se aguantaban moito e ían un pouco por libre “sen poder axudar ao outro, porque bastante tiñan co seu” dicían.
Uns días antes estivera eu lendo un libro (friki que é un) sobre xeopolítica e historia do peor conflito da historia ata o momento (cruzo os dedos), en concreto un capítulo que falaba da intervención dos n***s en Grecia para arranxar o fiasco que montara o outro fascista da zona, Benito (por interese propio, non para axudar ao seu “colega” fascista). O libro contaba con relatos de persoas que viviran os momentos, tanto persoas de a pé como personaxes históricos, e nunha parte falaba da retirada que tiveron que realizar os soldados gregos xunto cos británicos que acudiran a apoialos fronte o avance n**i, e relataba os momentos tan jodidos que pasaran eses soldados, e a necesaria camaradería que os unía nun momento así, e grazas á cal gran parte deles conseguiran embarcar para continuar loitando contra o fascismo máis adiante. Estaban ben jodidos por todo o que estaba pasando, pero iso achegounos máis e reforzou os seus lazos e a súa determinación.
Pareceume un exemplo axeitado para poñer, e tivo o seu calado. Cando algo nos afecta a varios (dous ou máis) é moita mellor opción o apoio mutuo, somos *compañeiros na derrota* , separarnos aínda máis non é a mellor opción... non o pensaran así ata aquel momento.