09/03/2026
Nove de marzo. Pasou o gran día. Rematou a gran semana: medios de comunicación (cada un na súa liña editorial) falando de mulleres referentes, falando de mulleres que fan historia, que rompen moldes, que rompen teitos de cristal.
Nove de marzo. Quédanos algo dunha fermosa resaca de ternos xuntado onte nas rúas, de sentir que non estamos soas, de comprobar que esta é unha reivindicación colectiva. 💪🏽 Unha resaca emocional que dá alento e pulo para seguir na reivindicación, para seguir na loita e na resistencia: non soamente non queremos dar pasos atrás, se non que queremos seguir dando pasos cara adiante. Queremos seguir a conquistar territorios para poder habitalos dende a liberdade, queremos poder amar os nosos corpos de xeito incondicional, queremos estar vivas, queremos deixar o medo atrás, queremos compañeiros que dean un paso atrás no público e un paso adiante no privado (aiiii!!!! a tarefa pendente da corresponsabilidade).
Queremos construir en igualdade, hoxe tamén. E mañá. E cada un dos días que restan até o 8 de marzo de 2027 onde se volva pór o foco en nós.
Aquí estamos grazas ás que estiveron. Aquí seguimos polas que veñen.
💪🏽💜