20/11/2025
Como profesionais sanitarios, traballamos cada día para que todos os nenos teñan acceso a unha atención médica de calidade, próxima e humana; unha atención que non só cure enfermidades, senón que tamén promova hábitos de vida saudables, benestar emocional e un adecuado desenvolvemento físico e mental.
Lembramos especialmente aqueles nenos que atravesan situacións de vulnerabilidade: enfermidades crónicas, hospitalizacións prolongadas, contextos sociais difíciles ou barreiras para acceder a unha asistencia sanitaria adecuada. A eles dedicamos o noso compromiso e esforzo constante.
O Día Mundial da Infancia tamén nos invita a escoitar. Escoitar as súas necesidades, os seus medos, as súas preguntas e os seus soños. A voz da infancia debe estar sempre presente nas decisións que afectan á súa saúde e ao seu futuro.
Dende o Grupo de Traballo de Atención á Infancia e Adolescencia da AGAMFEC, queremos lembrar a importancia de defender os dereitos da infancia, promover políticas de saúde equitativas, apoiar ás súas familias e traballar por un sistema sanitario que coide dos máis pequenos con excelencia, humanidade e sensibilidade.
Porque cada neno merece medrar san, seguro e feliz.
Guillermo Lorenzo
Coordinador do Grupo de Traballo de Atención á Infancia e Adolescencia AGAMFEC