28/07/2016
Artigo de Lídia Senra:
SOBRE O TEITO DE CRISTAL E A NOVA POLÍTICA...
Cando o primeiro goberno de Siryza se constituíu no ano 2015 e vimos a case nula presencia das mulleres, dixemos que era unha moi mala nova para as mulleres e unha inaceptábel actuación da esquerda.
Hai xa un tempo que vimos asistindo aquí na Galiza a diversos procesos de confluencia da esquerda que nestes momentos discute sobre unha proposta para a Marea Constituínte, lanzada polos alcaldes de Ferrol, A Coruña e Compostela. Unha vez máis, observamos con grande preocupación a ausencia total e absoluta de mulleres no lanzamento dun proxecto que pretende ser "motor de cambio social" e para "tecer redes e alianzas empregando ferramentas baseadas na horizontalidade e na democracia radical".
Máis alá da valoración que cada quen poida facer destes procesos, o que é indiscutíbel é que non haberá democracia plena nin real, nin transformación social, se se deixa fora ás mulleres. A quebra democrática ten que ir á par da despatriarcalización da sociedade, e as forzas políticas de esquerda teñan a responsabilidade de asumilo na súa práctica diaria.
Teñen que asumir que a estas alturas está demostrado que un instrumento de acción positiva como son as cotas de participación se son aplicadas con sesgo machista, non conseguen romper os teitos de cristal, e que a realidade evidencia como se seguen perpetuando as situacións de desigualdade das mulleres en todos os ámbitos.
É urxente pasar do politicamente correcto a actuar con valentía, dentro e fóra dos partidos, desterrando para sempre as actitudes machistas e prepotentes. Compre seguir afondando no establecemento de medidas de acción positiva e mellorar as xa existentes. Algunhas ideas:
1.- Asegurar que calquera delegación que represente a organización política sexa sempre paritaria e garantir a mesma participación nos eventos ás mulleres (tanto en tempos de palabra como en importancia dos contidos).
2.- Facilitar a formación e a constitución de espazos de mulleres dentro das organizacións políticas garantindo un orzamento mínimo para o seu funcionamento e para actividades de formación política. Estimular a participación das militantes nestes espazos. Animar ás áreas de mulleres a que presenten propostas de mulleres candidatas aos órganos de dirección dos partidos e para os procesos electorais.
Garantir a presencia de mulleres feministas en postos de saída en calquera destes ámbitos; así como as reivindicacións das mulleres nos programas electorais e na acción de goberno.
3.- Listas electorais paritarias (metade e metade), en cremalleira, asegurando que as mulleres encabecen o 50% das circunscricións electorais en cada proceso electoral.
4.- Ao mesmo tempo que se escolle candidato ou candidata á Presidencia, como vai ser agora para a Xunta de Galicia, escoller un candidato ou candidata á Vicepresidencia que teña tamén un papel relevante na campaña.
Garantir que as reivindicacións das mulleres (brecha salarial, brecha nas pensións, titularidade compartida, violencia, poñer fin ao sesgo machista na aplicación das políticas,...) van ocupar espazo nos debates electorais e serán tamén unha prioridade na acción de goberno.
5.- Asegurar un goberno paritario, metade e metade e con presencia forte de mulleres feministas
Ás mulleres nunca se nos regalou a participación, nunca foi doado conquistar espazos. Nestes momentos a invisibilización, o sutil ou non tan sutil boicot ás mulleres feministas, a non priorización das loitas das mulleres, volven amosarse con toda a súa crueza nisto que se deu en chamar "nova política" e na construción destes novos espazos de esquerda.
As mulleres temos que ter claro que estes espazos non imos conquistalos desde unha posición amigábel. Os aliados por moito que os nosos compañeiros se declaren feministas, á hora da verdade son escasos, e aos feitos me remito.
Considero que é urxente que as mulleres nos aliemos para facer avanzar unha axenda feminista mínima ou, do contrario, quedaremos relegadas no mellor dos casos a listas cremalleira, que só nos garantirán unha posición de eternas segundonas.
Temos que ter claro que o machismo, ao igual que o capitalismo, cando senten que a loita é forte agóchanse para reaparecer con toda crueza cando senten que temos baixada a garda.